sexta-feira, 26 de março de 2010

Daiquiri de amorodo


Como moitos cócteles clásicos, o daiquiri préstase a un grande abano de interpretacións e aplicacións que varían conforme a estación, a temperatura e o ánimo do afeccionado. A variedade que inclúe amorodos na mestura non decepciona pola súa textura, e os anaquiños destas froitas que aboian na copa danlle unha textura fibrosa moi distinta da do daiquiri tradicional que se apoia só na lima.

Mesturemos:

Botamos 3-4 amorodos, o zume dunha lima enteira, 6cl de ron branco e dúas pingas de caldo de azucre nunha picadora. Dámoslle á máquina ata que todo se mestura. Verquemos o resultado nunha cocteleira que estea chea de xeo ata a metade, e axitámola, antes de pasar todo a unha copa de martini que saquemos da neveira. Na copa colocamos un pedaciño de amorodo.

Un método alternativo sería picar previamente o xeo e crear así unha textura máis nítida, fina e sútil. Podemos tamén substituír o caldo de azucre por dúas culleradas de azucre moi fino, do que se desfai rapidamente en líquidos.

Notaredes que este cocteloxista avoga por non engadir unhas pingas de licor de amorodo, como é costume. Creo que unha mestura que pode acadar un nivel de perfección coma este debería contar cos amorodos máis frescos, e se estes son bos e saborosos non cómpre engadir nada máis.
Este é un cóctel para tomar nos tempos en que vai rematando a invernía, para darnos folgos. Mentres o chuchamos diante do lar, soñamos cos doces seráns dun tépedo verán inglés, á beira dalgún río tranquilo e pousón, baixo un ceo impecablemente azul.