Chega a hora de preparar o Steak Tartare, e doume de conta de que me vai sobrar a clara dun ovo. Tamén son consciente de que estamos entrando en setembro, o mes preferido deste blogueiro, se cadra por ser a temporada en que chegou ao mundo xa hai bastantes anos, ou por ser a apertura ao outono cando a luz vai minguando e o aire nos belisca coma un neno pícaro. Nestas alturas do ano, sempre volvo a unha mestura fiel e particular: September Morn, ou Alborada de Setembro.
Mesturemos. Botámoslle a unha cocteleira chea de xeo:
*o zume de medio limón ou dunha lima enteira.
*Unha cullerada de granadina.
*A clara dun ovo.
*7cl de ron Bacardi.
Mesturemos. Botámoslle a unha cocteleira chea de xeo:
*o zume de medio limón ou dunha lima enteira.
*Unha cullerada de granadina.
*A clara dun ovo.
*7cl de ron Bacardi.
Axitade ben a cocteleira, e botade todo nunha copa martini sacada da neveira.
De feito, a mestura consiste nun Bacardi Classic máis a clara dun ovo, ingrediente que lle da escuma á tona da mestura cando repousa na copa. Tamén evoca, supostamente, a tímida xiada dunha mañá de setembro, anque creo que nestes tempos de cambio climático, o detalle xa se perde un pouquiño. A granadina quítalle ao zume algo da súa amargura, e tamén recrea ao tempo o dourado mencer de comezos de outono. Dende logo, os menceres de setembro son dunha beleza singular dentro do compendio do ano enteiro, e ese cóctel reflicte ben as súas idiosincrasias, fermosas e melancolicamente poéticas.