quarta-feira, 11 de fevereiro de 2009

En contra do Gin Tonic

A xente sorpréndese bastante ao comprobar que eu, que son algo cocteloxista, manifeste antipatía cara a esa mestura coñecida como Gin Tonic. Anque son máis ben de letras, a miña perspectiva sobre esa beberaxe xorde dunha visión bastante científica e lóxica, do sentidiño e da afervoada reverencia polas calidades básicas e estruturais da xenebra.

A ver se me explico… A xenebra, a diferenza do vodca, por exemplo, é un dos licores máis complexos en consistencia e máis aromáticos en recendo. Non ten sentido, dende logo, mesturala coa tónica, bebida que basea o seu sabor na mesma quinina que os soldados británicos tomaban na India para evitar a malaria. O amargor da quinina, tanto como a efervescencia da tónica, distorsionan o xenio aromático dunha boa xenebra: esa mestura de bagañas de xenebreiro, cana de azucre, e de esencias botánicas máis ben cítricas, anque tamén poida incorporar anís, a raíz e a semente da herba da raña, regalicia, canela, cilantro ou codia da canela da China. E non é que me disguste a tónica: encántame tomala cando voo ou cando me aparto das miñas pescudas coctelolóxicas. Pero para un fino padal que vai para experto na arte da alquimia cocteleira, xuntar eses dous elementos é un acto de sacrilexio filisteo contra a relixión do cóctel universal. Hai mellores alternativas igual ou máis refrescantes e respectuosas coa esencia da xenebra: o Ginfizz, o Tom Collins, o Gin Sour, ou o Rickey, todos eles exemplares clásicos e clásicos exemplares.

Con todo, se vos gusta o Gin Tonic, se vos refresca a gorxa durante unha ardua noite de verán, ou se é a poción máxica que vos permite escapar da rede do tempo e da vida mortal durante uns tenros instantes, saúde e moita terra. Cadaquén elixe o seu doce veleno, anque lle estrague o padal…

Sem comentários:

Publicar um comentário