
Foi creado polo barman do Brook’s Club en Londres en 1861. O príncipe Alberte morrera, e se a xente ía tomar champán, tiña que ser un champán enloitado. De aí que lle engadise a lexendaria cervexa negra irlandesa ao viño francés de anémica cor dourada. De sabor e textura inesquecíbel, esta variación do clásico Champagne Cocktail foi a bebida preferida do príncipe Otto Von Bismarck de Alemaña. De feito, segundo o Brewer’s Dictionary of Phrase and Fable, o chanceler prusiano tomaba esta beberaxe por galóns. Convídovos a entrar no selecto grupo de consumidores do líquido veludo negro: escollede unha frauta de champán ou unha copa pilsner. Do frigorífico, sacade a Guinness e o champán. Enchede a metade da copa ou da frauta coa cervexa negra, e engadide engorde o champán ata encher de todo. Aconséllovos mesturar cunha culler, pero dándolle a volta, co lombo para riba, pois así o champán entrará tranquilamente na copa. Ademais, xa que as densidades dos dous líquidos son distintas, un bo cocteleiro mañoso pode crear un efecto “pousse-café”, ou sexa, de capas distintas. Podedes repetir ledamente ata que a fame diga que xa chegou a hora de comer.
Sem comentários:
Enviar um comentário