segunda-feira, 23 de novembro de 2009

O Negroni

Para Ana e Eva Couceiro, amantes betanceiras desta mestura.

Cando lle propoño a alguén prepararlle un cóctel, sempre lle pregunto qué tipo de sabor lles apetece en lugar de suxerirlle certos nomes de mesturas. Hai que averiguar o que lle pide o corpo, o ánimo, o apetito ou o instinto, que moitas veces resultan ser o mesmo. E o cóctel é cuestión de disposición e de ánimo, coma a música ou asuntos namoriqueiros, e por iso sempre nos axuda termos produtos e receitas suficentes na casa para preparar unha variedade de beberaxes a capricho do consumidor. O Negroni é moi bo exemplo desta faceta da ciencia que se chama cocteloxía.

Cada vez é máis frecuente que mesture esta marabillosa bebida os domingos, antes de cear. Ao rematar as grandes festas do venres e do sábado, un ten que descansar e repousar algo, pero tamén aledar o que queda da fin de semana antes de que comece outra longa semana de traballo. Fai falta algo, pois, ledo, vital, cheo de luz e sabor e sobre todo, hidratante e refrescante. A alquimia frutal do Negroni nunca decepciona, co seu equilibrio xusto entre o doce do vermú e o amargo do Campari que estimula o apetito. A historia xurdeu no Caffè Casoni en Florencia, onde un día de 1919 o conde Camillo Negroni lle pediu ao barman, Fosco Scarselli, que lle preparase o seu habitual Americano cunha medida de xenebra. Hoxe en día adóitase servir con sifón, e eu confeso que tamén o prefiro así. Mesturemos:

*Botámoslle a unha copa Old Fashioned chea de xeo medidas iguais de Campari, xenebra e vermú vermello. Poñamos 2cl para cada medida.
*Removemos a mestura, engadíndolle sifón ao gusto persoal e unha raxa de laranxa.
O cóctel, “inventado” segundo a eterna tradición cocteloxística grazas á máis pura casualidade caprichosa dunha persoa que se deixa guiar polo instinto, acadou tanto éxito que a familia Negroni chegou a vender unha beberaxe premesturada, o “Antico Negroni 1919”, que aínda está á venda. Tardou varias décadas en aparecer nas guías cocteloxísticas internacionais. Con todo, forma parte xa do meu canon dos cocteles clásicos, unha alternativa refrescante a aquelas balas de prata asasinas dos Martini. Unha mestura para alentar a alma durante as longas noites da invernía, acompañados polo gran, exemplar e admirábel Enrico Caruso.

3 comentários:

  1. Hai xa tempo que os colecciono. A maioría son pequenos, lixeiros, casi imperceptibles, pero inmensos na súa esencia. Son os meus tesouros. Os momentos máxicos que gardo con coidado, dobradiños e ben ordenados na miña cabeza.
    O teu Negroni mesturado coa boa compañía que compartíamos é un deles. Grazas, amigo.

    ResponderEliminar
  2. Eu espero poder probalo pronto! E coñecerte de paso, que Dani e Leda preguntan moito por ti e eu fíome do seu criterio.Grazas!

    ResponderEliminar
  3. Buenos Días.
    Un amigo común de Ribadeo, me habló de su blog.Se lo agradezco.
    Creo que le puede interesar el nuestro.Trata de,bueno, mejor que le eche un vistazo:http://anglogaliciancup.blogspot.com/
    Saudos.

    ResponderEliminar