quarta-feira, 16 de junho de 2010

O xulepe de menta





























Reloce o sol e medra a menta no xardín. As miñas cavilacións pasan a ser as de darlle bo uso a esta herba. Xa falamos nestas páxinas da presenza cocteleira da menta, pero ten posibilidades máis amplas. Eis o exemplo dun antídoto aos longos e somnolentos días de mediados do verán que cruzan a mente coma unha brisa case invisíbel. Eis o xulepe de menta.

Xurdiu en Virxinia, no sur profundo dos Estados Unidos, como unha mestura case máxica de menta, azucre, auga e whisky americano. A primeira referencia literaria a el fíxoa en 1803, John Davis, un titor británico que traballaba nos pazos das facendas do Sur. Menciona un “grolo de licor forte que contén menta, e que os virxinianos adoitan tomar á mañá”. É máis, o dicionario Websters define ‘julep’ como “un tipo de menciña líquida”. De feito, o xulepe refírese en xeral a bebidas doces, especialmente as que se empregan nun tratamento médico: xarope, case. Provén do árabe ماء ورد Māʾward e do persa, گلاب Golâb: auga de rosas. Hoxe, e dende 1938, representa a beberaxe por excelencia do derby de Kentucky, un importante evento hípico, onde cada ano se consumen uns 120.000 xulepes.

Xa abonda de datos históricos, que medra a sede: mesturemos!

*Collamos unha copa Old Fashioned máis ben alta, anque tradicionalmente o xulepe se servise en cuncas de prata ou peltre, para facer un efecto de xiada no exterior da copa, e manter a aparencia de frío e fresco naqueles climas calorosos.
*Engadamos 5 follas de menta á copa. A menta verde ou romana era a variedade que se usaba nos estados máis meridionais, e de feito tamén se lle chama a Kentucky Colonel.
*Botemos 1 cullerada de azucre extrafino e unha culler grande de auga fría.
*Esmaguemos lixeiramente a menta cunha culler ata que se desfaga o azucre e se ceibe o recendo da menta, así coma os seus aceites e zumes, o que intensifica o sabor final.
*Engadamos un bo grolo de whisky americano, entre 5-7 cl.
*Enchamos a copa de xeo picado.
*Removamos todo.
*Coloquemos unha herbiña de menta no bordo da copa ou enriba do xeo.
*Para rematar, engadamos unha palliña ou unha variña para remexer.

Nunca carta escrita polo tenente xeneral Simón Bolívar Buckner fillo a un amigo en 1937, dise que “o xulepe de menta non é produto dunha fórmula. É unha cerimonia e ten que celebrala un cabaleiro quen posúa unha auténtica concencia do artístico; unha fonda reverencia polos ingredientes e un fino aprecio dos costumes. É un rito que non se lle debería encargar a un novato, a un estatístico ou a un yanqui! É un patrimonio do vello Sur; un emblema de hospitalidade e un vehículo no que as mentes nobres poden viaxar xuntos polos floridos vieiros dun pensamento agradábel […]. Unha beberaxe eminentemente axeitada para os homes honrados e as damas fermosas”.

Brindemos por iso!

Sem comentários:

Enviar um comentário