segunda-feira, 19 de janeiro de 2009

O cóctel perfecto

Buscar o cóctel perfecto é falar unha lingua comedida, precisa, sen esforzo ningún. Seducir. A bala de prata, vital, a virar no corpo e na mente. O pracer de entregarse á tentación. A estética funcional. O Art Déco en copa. Metropolitano con algunha sorpresa rural. Do Manhattan da grande urbe, ao Mint Julep do sur profundo. O mellor entremés posíbel. A dignidade líquida. Un intre compartido coa fermosura. A emoción latexante. O edificio Chrysler. Un Gimlet. Uns ollos azuis. Noite e día, ti es a mellor… A Habana. Non é Edward Hopper. Si é Miami. Rhapsody in Blue, ademais de Rhapsody in Black and Blue. Non ten prexuízos sociais nin clasistas, agás a súa preocupación pola estética do estilo e da confección. A sofisticación que flirtea coa excentricidade. O Modernismo global. O Savoy. O Ritz. Raffles en Singapur. Sinatra, Deano e Sammy. Hemingway e Dorothy Parker. Aquela festa no pazo agochado na campiña inglesa no verán do 32. “O meu daiquirí no Floridita, o meu mojito na Bodeguita”. É o jazz e o Crack do 29, e é gozar da vida no século XXI. O cóctel perfecto non existe, pero a busca sempre será mellor có descubrimento imposíbel. Á procura, pois, daquela receita alquímica, daquela mestura incesante. Ai, e por certo, it don’t mean a thing if it ain’t got that swing…

2 comentários:

  1. Parabéns por abrires este blog cunha temática tan interesante e sedutora. Engadireino ás miñas RSS.

    ResponderEliminar
  2. Súmome aos parabéns de Cesare: heime achegar moitas veces á barra deste bar...

    ResponderEliminar