quinta-feira, 25 de junho de 2009

O Pimm’s Número 1

Tempo de verán. Tempo por autonomasia para o Pimm’s Número 1, o produto máis popular desta marca. O primeiro e máis exitoso dos gin sling. Mestura amarga con base de xinebra, cor de té escuro con matices vermellos, que sabe a cítricos e a especies. James Pimm elaborou o primeiro Pimm’s nun caneco pequeno co nome de “copa número un”, ou sexa, “No. 1 Cup”, e así foi bautizado.

Durante os anos cincuenta e sesenta era a bebida superior da alta sociedade, e chegou a ser a beberaxe predilecta das señoras finas. Máis á moda no sur de Inglaterra, é unha das consumicións de pro no Campionato de Wimbledon, na Real Regata Henley (tiven o o pracer de tomar varios nela o ano pasado), e no Festival de Ópera de Glyndebourne. Tamén é o cóctel que se pide nos partidos de polo entre os Estados Unidos e o Reino Unido.

A importancia vénlle de ser o único cóctel mesturado de antemán que empregan os barmans, cando menos os bos barmans. O número 2 tiña por base o whiskey escocés, pero hai xa tempo que non está á venda. O número 3 empregaba coñac, e tamén desapareceu, aínda que unha versión semellante sobrevive na Pimm’s Winter Cup que se pode mercar durante a invernía. Tamén se extinguiron o 4 e 5 (con ron e con whiskey de centeo). O 6, de vodca, aínda se fabrica pero a pequena escala.

Mesturemos:
*Botade 5cl de Pimm’s No. 1 nun vaso “highball” cheo de xeo.
*Engadide limonada ou gasosa de xenxibre.
*Gornición: rodaxe de limón e de laranxa, a carapa dun cogombro e unhas follas de menta fresca.
Ollo: usade só a carapa do cogombro, sen carne. Ademais, non botedes moita froita. Eses faux pas quítanlle mérito ao sabor do licor-base da beberaxe.

Eu adoito mesturalo todo en cantidades grandes e sírvoo nunha xerra. Se cambiades a limonada polo champán, a mestura convértese nun Pimm’s Royale. Este cóctel é o rei das mesturas de verán preparadas e consumidas no hemisferio norte, o rei dun mundo de garden-party, savoir faire, sandwich de cogombro e de salmón, partidos de críquet e croquet e viaxes en batel, pequenos pasteis, ríos mansos, un sol nítido e impecábel, e límpidos ceos azuis. Aquela belle époque de champán e pimms, aquela Inglaterra que nos resulta cada vez máis imposíbel de recrear coa imaxinación. Anyone for Pimm’s?

1 comentário:

  1. Xenial entrada! Só con lela xa me vía nun lawn con ese Pimm's na man... Teño gañas de probar a versión de inverno, por certo, a ver que tal resulta. Apertas!

    ResponderEliminar