segunda-feira, 23 de fevereiro de 2009

O Brandy Alexander

Comezo a sección “despois de comer” co cóctel dixestivo por antonomasia. Existen moitas imitacións populistas dese cóctel, coma o Baileys e outras mesturas chocolateiras, pero o Alexander nunca lle cedeu o trono a esas beberaxes secundarias. Segundo o Classic Cocktail Club de Milán, o Alexander creouse co gallo da voda da infanta María e do viceconde Lascelles no Londres de 1922. A comezos do século XX, cando se popularizou, facíase con xenebra, pero hoxe a súa variante con brandy é a máis difundida e consolidada.

Mesturémolo:

Axitamos 3cl de coñac, 3cl de crema de cacao e 3cl de tona líquida nunha cocteleira chea de xeo. Coámolo para unha copa de martini sacada da neveira. Relamos por riba noz moscada ou algo de chocolate escuro. Servímolo coa sobremesa, ou co café, ou ben só, ao remate da cea.

Aprezade esta seda líquida que vos envolverá os sentidos e excitará a vosa sensualidade ata que vos rindades satisfeitos, sen opor resistencia, pedindo con voz doce “unha máis, por favor”. Con todo, a textura cremosa do Brandy Alexander engaiola perigosamente, e non é difícil quedarmos apreixados nela. No filme Días de viño e rosas (1962), Kirsten (Lee Remick) confesa que lle encanta o chocolate pero que non lle gusta o alcol, e por iso Joe (Jack Lemmon) sérvelle un Brandy Alexander. Ela queda impresionada, e axiña se converterá nunha bebedora empedernida. O Brandy Alexander dálle pé ao tráxico desenlace do argumento. Tamén a orixe do alcolismo de Maurice Gibb, o que morreu dos Bee Gees, estivo no Brandy Alexander ao que o convidou John Lennon durante unha festa nos sesenta. Esta mestura era a preferida de Lennon e de Ringo Starr e tamén do cantautor Harry Nilsson naqueles famosos tempos da “fin de semana perdida” na vida de Lennon. O de Liverpool falaba do Brandy Alexander como dun “batido” e, efectivamente, éo. Con todo, para o autor deste blog, os Brandy Alexander son como os ovos ao almorzo: sempre hai que tomar dous.

Sem comentários:

Enviar um comentário