quinta-feira, 12 de março de 2009

Cócteles para San Patricio (II)

Despois do Black Velvet e de cear un bo caldo irlandés, se cadra apetécevos un dixestivo. Hai poucas maneiras máis deliciosas de facer a dixestión ca tomar un café irlandés, ben feito e cheo de whiskey, a uisge beatha, a auga da vida.

A historia do café irlandés demostra maxistralmente o fácil que é construir, por non dicir inventar, un novo trazo nunha cultura supostamente natural. Como calquera irlandés, o barman principal do aeroporto de Shannon, Joe Sheridan, estaba afeito a botarlles un grolo de whiskey ás tazas de té que lles puña aos viaxeiros. Unha noite de moi mal tempo nos anos 40, pouco despois do remate da guerra, un grupo de pasaxeiros norteamericanos achegouse ao bar en busca dunha beberaxe quente. Sheridan engadiulles un grolo de whiskey aos pocillos de café (que os norteamericanos daquela preferían obviamente ao té europeo ou asiático), ademais de nata e azucre. Os viaxeiros preguntáronlle ao Sheridan se a bebida era un café brasileiro, e respondeu que non, que era un café completamente irlandés.

E como tantos aspectos da cultura irlandesa, exportouse aos Estados Unidos. Stanton Delaplane, un columnista do San Francisco Chronicle, levoulle a receita ao seu bar preferido en San Francisco, o café Buena Vista no barrio de Fisherman’s Wharf. Ademais, Delaplane foi un dos principais difusores deste cóctel grazas á súa columna sobre viaxes, onde fixo varias referencias a el. De feito, unha placa de bronce conmemora que o primeiro café irlandés se serviu alí no ano 1952, e mesmo hoxe podedes chegar a tomar un dos dous mil cafés irlandeses que se piden tódolos días no local.

De mozo, arrisquei a miña saúde cardíaca para conseguir o café irlandés perfecto. O fundamental é dispor dunha forte copa de vidrio, para así poder apreciar as capas de cores distinas, e mais tamén bater a nata de forma precisa, para que deixe de ser líquida sen que chegue a ter o mínimo de solidez. Os ingredientes son:

* 2 culleradas de azucre moreno.
* 5cl de whiskey irlandés.
*10cl de café quente.
*4cl de nata lixeiramente batida e fría.
Botade o whiskey na copa, mais o azucre, e logo o café quente. Removédeo. Despois, poñede unha culler co lombo para riba sobre o café, e deitade a nata enriba dela facendo que aboie sobre a mestura. E se non sae ben? Non hai mal, que se pode beber igual. Tomádeo o 17 de marzo, o día de San Patricio, nunha noite desas que marcan o remate do inverno e a apertura da benvida primavera. O pracer consiste en filtrar o doce café quente e mailo whisky pola nata fría. Slainte Mhath! Slainte Mhor! Cast a cold eye on life, on death. Horseman, pass by!

2 comentários:

  1. Un bo café irlandés nunha cafetería de luces baixas nunha noite de inverno ou ó rematar un paseo pola praia despois dun temporal, é algo difícil de esquencer, sen dúbida.

    Só climas coma os nosos podían dar lugar a bebidas tan elegantes e cunha sensación tan reconfortante.

    ResponderEliminar
  2. Douche toda a razón, Gourmet. Esa beberaxe representa sen dúbida unha "comfort drink" por excelencia, e o menage-a-trois do café, whiskey e nata ten que ser unha relación máis que contenta. De mozo, cos 16 ou 17 anos, era capaz de beber 6 ou 7 seguidos, gostando do pracer vicioso do admirábel café irlandés. E a verdade é que non presenta ningunha dificultade en termos do mesturar. Non entendo ese misticismo que existe arredor da súa confección.

    ResponderEliminar