Ía de home duro pero a cerna da súa obra revela unha sensibilidade romántica e tenra, delicada e morriñenta. A elegancia recortada da súa prosa acompañoume nos vieiros da saudade que nos levan da infancia á madurez. Abriume o camiño ao mundo das verdadeiras experiencias da vida, fóra da vila natal e normaliña da que devecía por escapar. Un mundo de acción, de heroísmo fatalista, de homes sen mulleres, de homes engaiolados polas mulleres as que nunca poden posuír, de homes que poden ser destrozados pero non derrotados, que gardan a graza a pesar das presións. Grace under pressure... E un infindo mundo de cócteles. Se unha bebida contiña alcol, Hemingway había de bebela e de escribir sobre ela. No empardecer da adolesencia, a súa melancolía masculina acollíame, e facíame voar nas sombras, entre as pólas das árbores do bairro en que eu medrara, coa mente liberada do corpo en éxtase, gozando dunha maneira de ser que nunca podían entender: The End of Something.
Hemingway figura entre os bebedores máis destacados e coñecidos do século XX, e as referencias ás mesturas estean a súa prosa cunha insistencia case psicópata. Cando rematei a última obra súa que me quedaba por ler, Islands in the Stream, decateime de que o auténtico subtexto da novela era o constante cavilar do protagonista e doutros personaxes sobre a vindeira mestura que ían consumir. Ata se insiren no corpo do argumento novas receitas para cócteles orixinais. Si, Hemingway era un cocteleiro de verdade que nin no corazón das súas novelas deixaba de contribuir á ciencia da cocteloxía.
A maneira de humilde peregrino, o autor deste blog visitou varios lugares vinculados coa biografía do escritor. Lémbrome de acompañar a Miss Piggy, aquela mañá neboenta, ao bairro de Oak Park e á recén inaugurada casa museo do escritor. Comenteille, moi emocionado, que era xusto tal e como o imaxinara durante tantos anos, grazas ás moitas lecturas das edicións Penguin que sempre comezaban cunha breve biografía: “Ernest Miller Hemingway naceu en 1899, en Oak Park, Chicago”. Do bar Chicote, recuncho art-déco na Gran Vía de Madrid, á Harry’s Bar en Venecia, o percorrido líquido de Hemingway abranxe case todos os continentes do mundo. Se cadra o centro desta cartografía sexa A Habana. A capital cubana acolle tres dos lugares internacionais que máis se vinculan co “Papá” Hemingway, que ali se movía entre dous bares principais. “O meu daiquirí no Floridita, o meu mojito na Bodeguita”, afirmou.
Hoxe, en La Bodeguita del Medio, a primeira cousa que ve o cocteloxista viaxeiro ao entrar no local é unha fila de mojitos facendo cola no mostrador. De feito, alí se inventou a mestura cubana por antonomasia. A segunda é a colección de fotos e cadros do escritor norteamericano. Semellante espectáculo nos agarda en El Floridita, onde a estatua de bronce do artista acompaña o bebedor mentres pide a beberaxe preferida do anfitrión espiritual: o Daiquirí. O curmán da muller de Constante, o creador do Daiquirí Floridita, afirma que Hemingway entrou un día no bar para ir ao váter. Ao saír, reparou na mestura que todo o mundo consumía agás el. Probouna, e dixo: “Está ben, pero a prefiro sen azucre e co dobre de ron”. Efectivamente, Constante preparouno segundo este consello e serviullo dicindo “velaí, Papá”. E así bautizouse o Papá Hemingway, o Daiquirí dobre e sen azucre. E a partir do Papá Hemingway, confeccionouse o Hemingway Especial, engadíndolle zumo de pomelo. Todolos días ás dez chegaba Hemingway a pedir o “seu” Daiquirí no Floridita, mentres o seu conductor mercaba o xornal no Plaza Hotel a cen metros. Sempre sentaba na esquina do bar, e hoxe o asento non se pode ocupar, protexido por unha cadea de metal.
Ademais, no centro rebuldeiro da Habana está o refuxio sosegado do hotel Ambos Mundos, a residencia de Ernest Hemingway na capital cubana antes de mercar La Finca Vigía. “Un bo lugar para escribir”. Hogano os turistas soben por ascensor ao cuarto pequeno pero cómodo, con boas vistas, onde se escribiu unha das mellores novelas sobre a guerra civil, For Whom the Bell Tolls. No amplo bar do hotel, con aire aos anos 20 e 30, pódense pedir cócteles varios, seguramente ao xeito do seu famoso inquilino nos últimos anos da década 30.
Hei engadir máis posts sobre Hemingway. De momento, despídome coa miña máis preferida anécdota sobre o Hem. Aínda hoxe podemos visitar o bar Hemingway no Ritz de París. Durante a Segunda Guerra Mundial estivo na capital francesa como correspondente de guerra. Anos despois, o escritor campaba de que liberara a capital francesa el soíño. O que si é certo é que Hemingway e mailos seus amigos xornalistas, coa liberación da cidade, se achegaron ao Ritz. Non había ninguén no hotel agás o director, quen lles deu a benvida e os levou ás habitacións. Despois o director preguntoulles aos do grupo se necesitaban algo. “Pois si,” dixo Hemingway, “cincuenta martinis, por favor”.
Sem comentários:
Enviar um comentário