No segundo post que se publicou pouco despois de nacer este blog, expresei o meu amor polo Vodkatini, e mencionei un cóctel que podería –quizais– chegar a ser un rival da miña mestura preferida. É o Vesper, mestura que plasma por autonomasia a faceta lúdica e imaxinativa na orixe dos cócteles, xa que naceu nas páxinas da primeira novela protagonizada por James Bond e escrita por Ian Fleming en 1953: Casino Royale. De feito, na obra é o mesmo Bond quen inventa e bautiza a mestura, unha das máis potentes no rango global dos exquisitos velenos cocteleiros, e a única, ao saber do autor, que combina a xenebra e o vodca nunha soa copa.
Nun episodio da novela, Bond pídelle ao camareiro un Dry Martini, insistindo que llo sirvan nunha copa de champán. De súpeto, o axente secreto cambia de idea, e pide o que o ánimo, o corpo e a intuición lle esixen: “tres medidas de [xenebra] Gordon’s, unha de vodca, media de Kina Lillet. Bátea ata que estea máis fría có xeo, e logo engade unha roda grande e fina de pel de limón”. O camareiro parece estar contento coa idea, mentres o axente da CIA e sempre fiel compañeiro de Bond, Félix Leiter, non pode conter a súa admiración por unha bebida tan robusta. Bond ri: “Pois… cando me concentro nas cousas” explica, “nunca tomo máis dunha copa antes de cear. Pero quero que sexa grande e moi forte e que estea moi fría e moi ben preparada. Odio as porcións pequenas de calquera cousa, especialmente cando saben mal. Esa bebida é da miña propia invención. Patentareina cando se me ocurra un bo nome”.
E a vida proporciónalle o nome axeitado. Vesper Lynd é o primeiro interese romántico da vida de Bond, e fóra da que acabaría sendo a súa muller, Tracy, é a única na serie novelística a quen Bond lle pide a man. O nome da femme fatale de Bond é un xogo de palabras a partir de West Berlin e, sen querer divulgar o argumento da historia, como a capital alemá durante a Guerra Fría ela tamén ten unha vida complicada con lealdades divididas. Anque é un axente dobre, confía en comezar unha nova vida con Bond, arela que non chega a facerse realidade por culpa da vixilancia de axentes inimigos. Temendo que vaian matar os dous, suicídase, consumida polo sentimento de culpa, e déixalle unha nota ao axente inglés onde confesa a súa perfidia e lle xura o seu amor. A resposta de Bond consiste en denunciala como traidora e en volver inmediatamente a traballar. Anque lles di aos xefes que “a filla de puta morreu”, os seus sentimentos por ela non esvaen de todo. En Ao servizo secreto da Súa Maxestade, aprendemos que vai en peregrinaxe anual a súa tomba en Royale-les-Eaux, mentres que n’Os diamantes son para sempre, Bond non soporta escoitar a canción La vie en rose porque lle lembra a Vesper, coa quen a canción se vincula estreitamente en Casino Royale. Cando un Bond drogado cre que xa morreu e que está a piques de entrar no ceo en Goldfinger, dubida como presentar a Vesper a Tilly Masterton, quen cre ter morta á súa beira.
O Vesper chegou a ter bastante sona trala publicación da novela, anque fóra da práctica alquimica dos máis expertos cocteloxistas, perdeuse de vista ata o lanzamento recente dos filmes Casino Royale e Quantum of Solace. Menciónase dúas veces na primeira, e Bond sinala que o bautizou así porque en canto o probou por primeira vez, xa non quixo tomar outra cousa. Na segunda, anque non se cita o cóctel especificamente, o camareiro no bar dun avión transatlántico revela os ingredientes do cóctel que toma o axente varias veces durante o longo voo, mentres un axente compañeiro dorme durante a viaxe.
O Vesper, como moitos cócteles, preséntalle ao cocteloxista un problema frecuente, que é o de xa non existir un dos seus ingredientes. O Kina Lillet orixinal cambiou de receita varias veces ao longo dos anos, pero hoxe podémolo sustituir por Lillet Blanc, unha versión moderna do aperitivo francés de 1895, con tal de que botemos unhas pingas de angostura para reducir o sabor máis doce do Lillet Blanc. Cando recita a receita do Vesper en Casino Royale, Bond especifica a xenebra Gordon’s; ademais é ben sabido que Bond prefería a marca Stolichnaya de vodca. De feito, no mesmo episodio, Bond dálle ao camareiro máis datos sobre o Vesper, e insiste en que o vodca de gran é moi superior ao de pataca.
Mesturemos: nunha cocteleira chea de xeo, botade 6cl de xenebra, 2cl de vodca, 1cl de Lillet Blanc, e unhas pingas de angostura. Axitade a fío o frasco, e botade a mestura logo nunha frauta de champán onde pousedes previamente unha carapa de limón.
Xa vos dixen que o Vesper compite co Vodcatini no meu santoral cocteloxista. Con todo, para min os cócteles son como a música: cousa de disposición de ánimo, e gústame tanto nos tempos de ledicia como a uso como paliativo cando a vida se revira. Cada mestura ten o seu lugar e o seu tempo. E cando non podo quitar da lembranza o dorido sentir dos amores perdidos, sempre mesturo a menciña imperfecta do Vesper.
Sem comentários:
Enviar um comentário